No lugar de Regocheo, onde as pedras das casas gardan segredos antigos e os camiños levan pegadas de xeracións, vivía un home de rigor inflexíbel, coñecido por todos pola súa severidade. Chamábase don Ramón. Era rudo, de poucas palabras, e criara o seu sobriño Bastián desde que a morte deixara o rapaz sen pais. Na súa casa non había espazo para a caricia nin para o consolo: a súa disciplina era lei, e a dureza, virtude. As xentes da aldea respectábano con esa mestura de distancia e temor que se reserva aos homes incapaces de sorrir.
A vida en Regocheo era dura. Sabíase ben o que significaba loitar por saír adiante, e as familias transmitían de xeración en xeración non só os oficios, senón tamén os silencios herdados, as crenzas fondas e os medos que non se nomean.
O que comezou como unha corrección acabou por se converter nunha experiencia traumatizante que marcaría para sempre o destino do rapaz.
Aquela noite, despois da cea, levou o sobriño xurafaz, xa amedrentado, á horta. A lúa, xa en devalo, apenas alumeaba o vello pozo, que se erguía alí como unha boca negra aberta ao fondo da terra. A súa presenza impuña un medo primitivo. Bastián, coa ollada fixa no rostro pétreo do tío, non sabía queía acontecer.
—Este é o prezo por maldicir! —tronou don Ramón, coa voz agraviada.
A súa man, grande e dura coma a pedra, aferrou o brazo de Bastián e empurrouno cara ao caldeiro do pozo. Sen regalar palabra, meteuno dentro e comezou a baixalo, pouco a pouco, facendo que o recipiente descendese ata a tona da auga. Bastián, mentres a corda se tensaba baixo o seu peso, sentiu o frío do metal na pel, e o latexo acelerado do corazón batíalle nos oídos como un tambor desbocado. A escuridade ía pechándose arredor del, e a humidade penetráballe nos ósos, na carne e na alma. Cheo de pavor, aferrouse a aquel cordón umbilical coma quen se aferra á vida, ata que os cotelos lle arderon de dor. O descenso semellaba eterno: o pozo, profundo e abafante, convertérase nun abismo sen fin. Entre saloucos calados, pregaba ao seu tío e a Deus, pero nin un nin outro se inmutaron.
Cando, tras uns minutos que semellaron eternos, o seu tío decidiu subilo —cunha lentitude deliberada—, Bastián xa non era o mesmo. Saíu esbrancuxado, tremendo como unha folla no vento.
Aquel medo sen nome, reflectido nos seus ollos arroxados, ficara incrustado nas súas entrañas, convertido nun terror mudo que non precisaba palabras.
Desde aquel día, a auga —calquera vestixio dela— convertérase no seu peor pesadelo. Un barreño, unha sella, unha pouca nunha poza do camiño: todo era lembranza do terror vivido.
O tempo, teimoso e indiferente, seguiu o seu curso. Bastián medrou e fíxose home, mais aquel medo nunca o abandonou. A angustia nacida aquela noite persistía como unha sombra que o acompañaba en silencio.
Un día, mentres camiñaban pola beira do río que bordeaba a aldea—ese río que tantas veces escoitaran correr desde a casa—, o destino quixo xogar unha das súas crueldades. Desúpeto, nun descoido, Don Ramón tropezou nun pedrolo do arró e caeu de corpo enteiro á corrente. As augas, medradas tras días de moita choiva, arrastrárono sen piedade. Xa non tiña a enerxía da súa mocidade, e pasaba moitos traballos para manter a cabeza fóra da auga.
—Bastián! Axúdame! —berraba desesperado, estendendo a súa enorme man fóra da auga, mentres a corrente o envolvía e arrastraba cada vez máis lonxe.
Pero Bastián quedou paralizado na beira. O murmurio do río era o mesmo do pozo. A humidade, o frío no aire, a escuridade antiga volveu ocuparlle o peito. O terror que arrastraba consigo aflorou desde o fondo da memoria e atenazoulle o corpo. Quixo moverse, axudar, mais aqueles recordos prendérono. As pernas negáronse a obedecer e a voz quedou atrapada na gorxa, coma se a auga que arrastraba ao seu tío o estivese afundindo a el.
Mentres Don Ramón loitaba contra a corrente, os seus berros facíanse cada vez máis febles e a angustia na súa voz tornábase máis desesperada. Os seus ollos buscaron os do sobriño, non con rabia, senón cunha tristura que antes non coñeceran. Un instante. Só un. Nese breve espazo, algo nos ollos de don Ramón mudou... e logo desapareceu engulido polas augas. Despois, o río calou. Levouno sen máis, como quen borra unha pegada do camiño. Bastián ficou alí, cos pés cravados na terra mollada, o corazón suspendido entre a culpa e o pavor.
O vento seguía a axitar as follas e o río, alleo ás súas anguria, continuaba a súa viaxe cara ao mar. Non chorou. Limitouse a ollar o lugar onde o seu tío se perdera para sempre. Comprendeu entón que aquel medo sementado nel, coa violencia dun castigo irracional, ficara fixado no seu ser como unha cadea invisíbel. E que esa mesma cadea acabara por arrastrar a quen a forxara.
Hai feridas que non pechan. Hai medos que, en vez de educar, condenan. E un día —sempre un día— volven para reclamar o seu tributo.
